Moito que ver e desfrutar nunha visita ás Pontes

TerraChaXa
A vila ofrece numerosos recunchos para coñecer e gozar do patrimonio local durante as festas
praia-lago-das-pontes
Alfombra floral
20 Jul 2024

PRAIA DO LAGO

Comezou sendo unha mina a ceo aberto que abastecía á central térmica das Pontes para ser unha das praias artificiais máis grandes do país cos seus 5 Km de lonxitude e 200 metros de profundidade.

É un bonito espazo para o ocio e o deporte onde se poden practicar deportes náuticos, darse un baño, tomar o sol no areal, así como facer rutas de sendeirismo. Tamén é un refuxio de numerosas aves acuáticas. Foi o primeiro areal de interior da provincia da Coruña en obter a Bandeira Azul.

MONTE CAXADO

É un gran espazo natural que constitúe un dos puntos máis altos da provincia da Coruña.

Cos seus 752 metros de altitude, preséntase como un marabilloso miradoiro onde se pode apreciar as pequenas serras e montes da zona, como A Coriscada, Bustelo ou O Xistral. Nos días despexados pode chegarse, incluso, a acadar coa vista a costa norte de Galicia.

Para coñecer máis sobre este enclave recoméndase visitar o Museo Etnográfico Monte Caxado, que se atopa no núcleo urbano das Pontes e no que se mostra o patrimonio etnográfico da comarca do Eume, con exposicións de utensilios, vestimentas e apeiros de labranza utilizados na zona ao longo da Historia.

AS PONTES

Aproveitando a camiñada polo casco vello, é indispensable cruzar a ponte de García Rodríguez, mandada construír polo mesmo señor García, e que popularmente se coñecía como a Ponte Vella ou a Ponte dos Ferros.

Sitúase sobre o río Eume, preto da ponte de Isabel II e da moderna ponte de Perfolla, lugares que tamén merece a pena visitar. Está enmarcada por dous arcos de diferente tamaño e estilo, o esquerdo; de estilo gótico e maior tamaño, e o dereito; de medio punto e mas pequeno por ser adaptado dun arranxo que sufriu no século XIX.

CASA DO MEL

É unha asociación sen ánimo de lucro, situada en Goente, que traballa desde o ano 2004 como centro de divulgación e sensibilización do mundo apícola.

Entre as súas actividades destacan os cursos de apicultura, catas de mel, talleres de cera e cosmética e visitas de escolares ou grupos onde dan a coñecer sobre as abellas, os produtos da colmea e a relación entre as flores e as abellas.

Os horarios de apertura son os sábados e domingos de 16.00 a 21.00, con visitas guiadas e asesoramento.

IGREXA DE VILAVELLA

Trátase dun edificio dunha única nave de planta rectangular. Os muros, de cadeirado granítico contan con diferentes ocos a diferentes alturas. A ábsida está cuberta con tellado a catro augas,

A fachada é de corte neoclásico e conta cunha porta con lintel rectangular e moldura en arco de medio punto. Por encima da porta, uns canecillos sosteñen pequeno aleiro.

Seguindo o sentido ascendente, unha fiestra de tipo seteira permite a entrada de luz ao interior da nave. A  continuación, a espadana,  de estilo barroco, alberga as campás. Esta ten forma de frontón triangular e está rematada por pináculos e unha cruz de ferro.

PARQUE DO EUME

Esta área sitúase na beira do río Eume, nas inmediacións do poboado do Barreiro e da Fraga. É o lugar preferido dos veciños da localidade para celebrar as súas festas, pero tamén é o punto de inicio dunha das rutas de sendeirismo máis importantes do municipio, a PR-G147.

Dispón de mesas, grellas, baños públicos e miradoiros para pasar un excelente día en familia.

CASCO VELLO

O casco histórico das Pontes é un lugar idóneo para pasear con tranquilidade e percorrer as súas estreitas rúas conformadas por diferentes vivendas con galerías, corredores e balcóns. Pódense apreciar numerosas inscricións nos linteis das casas, cuxa pedra foi aproveitada das ruínas do antigo castelo de García Rodríguez, nomeado Señor das Pontes de mediados do século XIV por apoiar a Enrique de Trastámara na súa guerra contra Pedro I de Castela.

O CANEIRO

É unha área recreativa perfecta para pasar o día ao aire libre rodeado de vexetación.

Atópase xunto ao río Eume, nunha zona boscosa que ofrece unha natureza asombrosa de bosque caducifolio, ademais dunha bonita ponte medieval datada no século XIII.

É perfecta para que as familias poidan pasar o día e desfrutar dunha comida, xa que consta dun merendeiro, mesas con bancos de pedras e cociña para prender lume.

Outra área recreativa é Vilarbó, situada tamén nas ribeiras do Eume e con zonas de baño.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14748191833496