Momán celebra as súas patronais do 22 ao 24 de agosto

A parroquia de Momán, en Xermade, festexará as súas patronais o venres 22 e durante a fin de semana do 23 e 24 en honra a San Bartolomé e San Mamés.
As celebracións comezarán o venres 22 ás 21:30 horas cunha degustación gratuíta de churrasco e chourizos, seguida dunha verbena a cargo do dúo D’Caché.
O sábado ás 13:30 horas oficiarase a misa solemne cantada polo Coro da UNED Sénior de Momán, que será seguida pola procesión e unha sesión vermú amenizada polo grupo Mar Davila Music. Pola noite, a verbena contará coas actuacións da orquestra Solara e de novo o grupo Mar Davila Music.
O domingo 24, a misa celebrarase tamén ás 13:30 horas coa participación do Coro da UNED, tras a cal terá lugar a sesión vermú con Alabama Show, que será ademais o encargado de pechar as festas pola noite coa verbena final.