Moncelos acolle a primeira Xuntanza de Vellas Glorias do Fútbol de Abadín

Este sábado celebrouse en Moncelos a primeira Xuntanza de Vellas Glorias do Fútbol de Abadín, un evento que reuniu antigas figuras do fútbol local pertencentes a equipos históricos como A Graña, Pegaso, Montouto, Romariz, Spórting Z4 e o Abadín Club de Fútbol.
A xornada estivo marcada pola emoción, os reencontros e o espírito deportivo, permitindo lembrar momentos inesquecibles vividos nos campos de fútbol do concello. Os participantes aproveitaron a ocasión para compartir anécdotas e recordar vitorias que forman parte da memoria colectiva do deporte abadinés.
O encontro rematou cun xantar de confraternidade no que reinou o bo ambiente, os sorrisos e os brindes pola amizade e o amor ao fútbol. Desde o Concello de Abadín felicítase á organización pola iniciativa e anímase a seguir promovendo actividades que manteñan viva a historia e o legado do deporte local.
