Mondoñedo abre un prazo para que máis emprendedores se sumen a un espazo de traballo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Mondoñedo acolle a quinta convocatoria do Espazo Coworking Mariña dirixido a emprendedores cun proxecto empresarial en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente –con menos de 6 meses-.
11 Nov 2019

Mondoñedo acolle a quinta convocatoria do Espazo Coworking Mariña dirixido a emprendedores cun proxecto empresarial en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente –con menos de 6 meses-. A convocatoria do que se desenvolverá entre xaneiro e xullo do 2020 permanecerá aberta ata cubrir as 22 prazas dispoñibles para emprendedores.

A rexedora local, Elena Candia, sinalou que "este espazo ofrece distintos tipos de actividades de formación e asesoramento personalizado para o desenvolvemento dos seus proxectos empresariais” tales como talleres, sesións de formación global ou mentorización, “entre outros eventos de acceso libre para outros emprendedores, empresarios ou persoas interesadas".

A alcaldesa puxo en valor estas iniciativas debido ao "apoio que ofrecen de cara ao impulso de novas empresas e, polo tanto, que contribúen a crear novos postos de traballo".

Os talleres ofrecen axuda aos emprendedores para validar o modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así coma ao desenvolvemento das habilidades imprescindibles para poñelo en marcha: Lean Start Up: Evaluación e validación do teu plan de negocio; Crowfunding, Estratexias de comunicación en redes sociais, Creatividade e innovación, Como poñer en marcha un Plan de marketing dixital, etc. Estes talleres son abertos ao público e de asistencia obrigatoria para os participantes do coworking.

No caso das sesións de formación grupal, dirixidas en exclusiva aos participantes do coworking –e, polo tanto, tamén de asistencia obrigatoria- traballaranse materias específicas para o impulso e despegue dos proxectos. Entre outros, abordaranse temas coma o de finanzas para emprendedores non financeiros, habilidades de comunicación ou xestión do talento.

Os participantes do coworking terán tamén acceso a sesións de mentorización por parte de expertos centradas en acompañar aos emprendedores dende o deseño de modelo de negocio á súa posta en marcha e optimización, dando resposta ás necesidades que xurdan durante o proceso.

Tamén se celebrarán outras actividades de acceso libre encamiñadas a potenciar o networking e compartir best practices a través da experiencia doutros emprendedores ou empresarios. Esta nova edición pecharase co denominado Demo Day no que se presentarán os proxectos participantes no espazo coworking, así coma a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.

O Espazo Coworking conta coa colaboración entre a Escola de Organización Industrial (EOI) e o Instituto Galego de Promoción Económica -IGAPE que conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, o Ministerio de Industria, Energía e Turismo e o IGAPE. 

0.12918901443481