Mondoñedo acollerá o 12 e 13 as Xornadas de Música en Familia
A Escola Municipal de Música de Mondoñedo organizará para os vindeiros días 12 e 13 de setembro, dentro das Xornadas de música en familia, actividades musicais e culturais destinadas a compartirse en grupos familiares de tódalas idades. Como é habitual e facendo gala da hospitalidade mindoniense, estas xornadas están abertas para que todas aquelas persoas dos arredores que teñan ganas de pasar un rato agradable e diferente se unan a esta festa da música en familia.
O día 12 a partir das 11.00 horas comezará a Xincana musical, que de xeito lúdico e divertido tratará de dar a coñecer parte do extenso e importantísimo patrimonio cultural e musical que existe na cidade de Mondoñedo.
Unha estupenda oportunidade para que, seguindo as bases de participación da mesma se podan inscribir grupos familiares de hasta 5 membros e farán un pequeno percorrido por lugares emblemáticos da cidade, nos que terán que superar diferentes probas hasta completar todo o circuíto da escala musical. Non precisan ter coñecementos musicais previos, unicamente estar ben atentos ás indicacións que reciban en cada punto do percorrido e moitas ganas de pásalo ben en familia.
Continuando con esta festa todas aquelas familias que o desexen poderán levar a súa comida e xantar nas fermosas instalacións da Fervenza, iso si, coma ao longo de toda a xornada, manténdose dentro da súa burbulla ou grupo familiar e conservando a distancia recomendada co resto dos grupos participantes.
Pola tarde, xa no auditorio municipal a Orquestra da Escola Municipal de Música de Mondoñedo ofrecerá un concerto que pecharán coa interpretación dunha obra musical na que participarán tamén as familias que por un ratiño converteranse en xoguetes musicais capitaneados polos membros máis xoves da escola e ben seguro que das casas tamén.
O domingo ás 18.00 horas na Alameda dos Remedios e como fin de festa a Banda da Escola Municipal de Música de Mondoñedo, poñerá punto e final a estas xornadas familiares cunha animada actuación que ben seguro será do agrado dos asistentes.