Mondoñedo celebra un Entroido de Outono o día 28
Un grupo de 19 establecementos de Mondoñedo, coa colaboración do Concello, organizan a primeira edición do Entroido de Outono, que se celebrará o próximo día 28, na Praza do Concello.
As actividades comezarán ás 19.00 horas e haberá premios para os mellores disfraces, segundo anuncian os organizadores. Haberá tres premios individuais, outros tantos para parellas e tamén tres para grupos e comparsas. En caso de haber disfraces infantís, tamén haberá premios
Nos locais de hostalería que son patrocinadores deste primeiro Entroido de Outono haberá degustación de produtos típicos desta festa.
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, agradece «o dinamismo e implicación da hostalería local que sempre se mostra predisposta a colaborar en eventos novos como este». Candia destaca a vitalidade do comercio e a hostalería de Mondoñedo, que fai que a vila manteña ao longo do ano actividades que atraen visitantes e que dinamizan a vida económica e social. A alcaldesa está convencida de que esta primeira edición do Entroido de Outono será un éxito.