Mondoñedo convoca unha nova edición dos premios de poesía Manuel Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome

TerraChaXa | AMariñaXa
O Goberno local do Concello de Mondoñedo convoca unha nova edición dos premios de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome para novos creadores.
29 Abr 2019

O Goberno local do Concello de Mondoñedo convoca unha nova edición dos premios de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome para novos creadores.

En concreto, o Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro chega a súa oitava edición tras nacer coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores. Pola súa banda, o XX Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores ten o afán de estimular a creación poética entre os mozos e mozas.

O prazo de admisión das obras en lingua galega para os dous concursos remata o 10 de setembro, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data. Débense enviar ao enderezo do Concello (Concello de Mondoñedo; Praza do Concello, 1, 27740 Mondoñedo-Lugo); coas indicacións de VIII Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro ou XX Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.

Bases VIII Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

O VIII Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro réxese polas seguintes bases:

  • Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente a súa obra en lingua galega, conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG.
  • Os poemas serán orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior á deliberación do Xurado.
  • As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.
  • Deberán presentarse catro copias en tamaño DIN A4 impresas a dobre espazo.
  • Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título. En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso.
  • O prazo de admisión de orixinais remata o día 10 de setembro de 2019, considerándose incluídas neste prazo as obras que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data.

Bases XX Premio de Poesía Díaz Jácome

O XX Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores réxese polas seguintes bases:

  • Poderán optar ao premio todas as persoas, de idade non superior a trinta anos, calquera que sexa a súa nacionalidade.
  • Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en data anterior ao fallo do Xurado.
  • As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos, o tema e o metro queda a elección do autor.
  • Deberán presentarse catro orixinais en tamaño DIN A4 impresos a dobre espazo.
  • Os orixinais  non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor, sendo presentados cun lema e título. En sobre aparte e cerrado, constará o lema e o título no exterior, e no interior o nome e apelidos do autor, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, fotocopia do DNI polas dúas caras ou no seu defecto fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso e incluirase tamén unha breve nota biográfica do autor e o título do poema.
  • O prazo de admisión de orixinais remata o día 10 de setembro de 2019, considerándose incluídas neste prazo as obras que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data.

Entrega de premios

No VIII Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro o xurado, que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e mais un representante do Concello con voz e sen voto que actuará como secretario, fará pública a súa deliberación a comezos de outubro de 2019. Así, a decisión do xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada aos autores seleccionados mediante correo certificado. A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no outono.

No caso do premio Díaz Jácome, o xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e fará pública a súa deliberación no mes de novembro de 2019. A decisión do xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada aos autores seleccionados mediante correo certificado. A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no mes de decembro.

Os dous concursos de poesía contan de tres premios cada un:  un primeiro de 1.500 euros; un segundo de 600 euros e un terceiro premio de 300 euros. Os galardoados recibirán tamén unha placa e diploma.

Os orixinais que obteñan premio nos dous concursos pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. De desexar o autor facer uso dos textos premiados para a súa publicación, deberá solicitar permiso ao Concello de Mondoñedo. De serlle concedido, o autor comprométese a facer constar na publicación, expresamente, que os textos foron distinguidos no Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro ou no Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.

Os premiados serán invitados, expresamente, ao seguinte recital de Mondoñedo é Poesía que se celebra na cidade cada 1 de maio.

0.18912196159363