Mondoñedo derruba un vello edificio na urbe

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
27 sep 2019

O Concello de Mondoñedo recibiu a pasada primavera un dos premios Galicia Parabéns polo seu esforzo e compromiso co coidado da paisaxe e do patrimonio. Con cargo ao citado premio, o goberno municipal presidido por Elena Candia da agora un paso máis na eliminación do feísmo urbanístico coa demolición da vella estrutura dun edificio da avenida As San Lucas, unha das vías máis dinámicas de Mondoñedo.

Candia explica que o edificio que se vai demoler é en realidade «un esqueleto formigonado». Indica que o goberno municipal seguirá avanzando na loita contra o feísmo urbanístico en todos as súas manifestacións, de modo moi sinalado no caso das estruturas inútiles. O orzamento do proxecto a executar ascende a 69.451,04 euros. Esta obra sae agora a licitación.

O proxecto inclúe traballos de xardinaría, con plantación de especies arbustivas autóctonas. Deste xeito a imaxe da rúa mellorará moi notablemente.

Elena Candia agradece aos propietarios do edificio a actitude colaboradora que mantiveron en todo momento. Os propietarios ceden ao Concello temporalmente o uso do terreo.

O premio Galicia Parabéns está dotado con 400.000 euros. Na súa máis recente edición tamén recibiu esta distinción o Concello de Celanova.

A presidenta do goberno municipal informará aos veciños sobre as iniciativas que están en marcha e perfiladas para embelecer Mondoñedo, como no caso da avenida de As San Lucas, nunha reunión que se celebrará o próximo luns, ás 20.00 horas, no salón de plenos do Concello.

0.10827684402466