Mondoñedo divulgará a súa potencialidade turística en Turexpo-Festur
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, promocionará e divulgará a potencialidade turística do municipio na 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde – Turexpo, o maior certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular, que se celebrará en Silleda do 6 ao 9 de xuño.
A rexedora mindoniense sinala que “a nosa presenza nesta feira é unha nova oportunidade para seguir avanzando na promoción turística de Mondoñedo dando continuidade a outras iniciativas que viñemos realizando estes anos como poden ser a asistencia a Feira Internacional de Turismo –Fitur- ou ao Foro do Camiño de Santiago –Fair Way-. Froito do traballo de promoción e divulgación, as visitas a Mondoñedo aumentaron nun 163%”.
De forma paralela a Turexpo tamén se celebrará a vindeira edición de Festur, a feira das Festas de Galicia, que constitúe un atractivo escaparate das celebracións galegas recoñecidas como de Interese Turístico.
Así, a alcaldesa de Mondoñedo dará a coñecer de primeira man aos asistentes a esta Turexpo-Festur as particularidades das celebracións que se desenvolven ao longo do ano no municipio e que contan con esta distinción. É o caso da Semana Santa, que destaca pola súa beleza, singularidade e antigüidade; ou o Mercado Medieval que “se erixe como un dos principais reclamos turísticos de Mondoñedo”.
Pero ademais destas, Mondoñedo acolle tamén as feiras e festas das San Lucas, as máis antigas de Galicia, para as que o Goberno local traballa co obxectivo de acadar a súa distinción a nivel nacional. A cidade episcopal tamén é o centro doutras recoñecidas celebracións coma, por exemplo, as feiras e festas das Quendas, que dan inicio ás celebracións da primavera.
“Son moitos os valores históricos, culturais, gastronómicos da nosa cidade aos que temos que sumar tamén a artesanía local”, defende a alcaldesa en relación aos produtos e servizos deste destino que ademais foi declarado un dos Pobos máis Bonitos de España.
Elena Candia asegura que “estamos a traballar tamén, de cara á divulgación de produtos e servizos, na visita de tour-operadores para que coñezan in situ a nosa cidade, o casco histórico e a catedral; ademais doutros recursos turísticos como poden ser a Cova do Rei Cintolo, o Camiño de Santiago ou o Museo de Álvaro Cunqueiro recentemente posto en marcha”. Despois de ter recibido bloggers e periodistas especializados, “pretendemos seguir en contacto coas axencias de turismo”, engade a rexedora.