Mondoñedo e Vilalba acollen a fin de semana as xornadas do peregrino Abrindo Camiño
As 16ª Xornadas do peregrino Abrindo Camiño desenvolveranse esta fin de semana en varios escenarios de Mondoñedo e na escola habanera de Santaballa (Vilalba).
Esta edición leva por título Camiño de Santiago e emigración; e enxalzará a figura da mestra emigrada a Cuba Andrea López Chao, nacida en Mondoñedo en 1874. Así, recoñecerase e divulgarase o labor que desenvolveu no país caribeño no eido educativo, sociosanitario e na defensa dos dereitos das mulleres.
A Xunta achega financiamento para organizar as actividades, realizar un documental sobre a homenaxeada e ofrecer aos asistentes unha degustación de produtos galegos con Indicación Xeográfica Protexida e Denominación de Orixe, co obxecto de promocionar a marca Galicia Calidade.
Programa
Nas charlas e mesas redondas previstas intervirán numerosos persoeiros do eido da cultura, da Universidade e representantes de institucións, entidades e asociacións galegas vinculadas coas temáticas que se abordarán. A apertura das xornadas será o venres 30 en Mondoñedo coa inauguración da exposición O soño cubano da emigración galega, cedida polo Consello da Cultura Galega; seguida de senllas ponencias sobre O Camiño de Santiago, itinerario cultural e dinamizador socioeconómico internacional; e A emigración en Cuba: o Centro Galego da Habana e a súa interrelación con Galicia: a bandeira, o himno e a Real Academia Galega.
O sábado 1 de xullo continuará o programa en Mondoñedo, con varios actos centrados na figura de Andrea López Chao. Entre outras cuestións, abordarase o seu papel como directora do Plantel Educativo Concepción Arenal do Centro Galego da Habana; vicepresidenta fundadora da sociedade Hijas de Galicia, centrada na protección da muller emigrante; ou como impulsora do Hospital e Balneario de acollida e asistencia a mulleres emigrantes en risco de exclusión. Tamén se analizará a súa participación no I Congreso da Muller celebrado na Habana en 1923. Como homenaxe instalarase un panel informativo sobre ela na rúa Casas Novas de Mondoñedo e distribuiranse exemplares do xornal monográfico Mondoñedo na memoria adicados á súa persoa.
O domingo día 2 trasladaranse as actividades á escola habanera de Santaballa. Alí abrirase a exposición Luces alén mar, cedida tamén polo Consello da Cultura Galega; e desenvolveranse catro charlas e coloquios: Os camiños en América, Santiago en América e os Santiagos de América: mito, toponimia e representacións. Presencia e tradición de Santiago na cidade da Habana; Pregoando o Camiño Lebaniego e a Hospitalidade no albergue do abuelo Peuto Güemes; As Sociedades de Instrución, Recreo e Beneficencia da emigración galega en América; e O legado en Galicia das asociacións de instrución e recreo habaneiras e bonaerenses.
Actuacións musicais, ofrendas florais, recitais poéticos ou xantares de confraternidade completarán o programa.
Consulta o programa neste enlace