Mondoñedo estrea un novo servizo de atención temperá para dez concellos de Terra Chá e A Mariña

GaliciaXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Está destinado a nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento das localidades tamén de Abadín, Barreiros, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Trabada, Meira e Pol
Atencion-tempera-Sarria-2-
4 Mar 2025

A agrupación de concellos de Mondoñedo, Abadín, Barreiros, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Trabada, Meira e Pol pon en marcha un novo Servizo de Atención Temperá, un recurso público e gratuíto dirixido á infancia e ás súas familias.

Este servizo está destinado a nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. O seu obxectivo principal é favorecer a autonomía e a inclusión social dos menores, ofrecendo unha intervención temperá e adaptada ás necesidades individuais de cada caso.

Entre os beneficios do Servizo de Atención Temperá destacan o apoio especializado para os menores e as súas familias, a intervención temperá para facilitar o desenvolvemento persoal e a promoción da igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas.

O Servizo de Atención Temperá de Mondoñedo atópase na Avda. Bos Aires nº 19 (Colexio Novo), en Mondoñedo (Lugo). As persoas interesadas poden contactar a través do número de teléfono 982 52 20 31 ou do correo electrónico atenciontemperamondonedo@gmail.com.

O horario de atención será de luns a xoves, de 8:00 h a 15:00 h e de 16:00 h a 19:00 h, e os venres de 8:00 h a 15:00 h.

Este programa está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. Para máis información, as familias interesadas poden contactar co seu concello.

0.17630696296692