Mondoñedo lucirá máis bonito grazas ao concurso Florea o teu balcón
O Goberno local do Concello de Mondoñedo vén de convocar o IV Concurso de decoración de balcóns e fachadas da cidade, baixo o nome ‘Florea o teu balcón’. A novidade na edición deste ano é unha categoría só para o rural, con dous premios e outra para o casco urbano, baixo a que se concederán catro premios.
O goberno local vén de facer públicas as bases nas que indica que con esta iniciativa pretende poñer en valor os balcóns como elementos vivos e decorativos da cidade. O concelleiro de Educación, Cultura e Novas Tecnoloxías, Alberto García, explica que grazas a este tipo de iniciativas, xunto a outras moitas, Mondoñedo resultou gañadora do Premio Parabéns desta edición, concedido pola Xunta.
Precisa que se trata dun concurso no que pode participar todo aquel que queira valorizar todo tipo de espazos, non só os nosos fermosos balcóns e ventás, senón tamén un pequeno muro que poida incorporar macetas ou xardíns verticais, por exemplo”.
Poden participar todos os particulares que dispoñan de balcóns ou ventás que reúnan as condicións mínimas necesarias para ser decorados ornamentalmente con flores e plantas. O concurso establece este ano dúas categorías: casco urbano e zona rural.
As inscricións poden facerse a través do correo concursodebalcones@gmail.com ou no portelo de atención ao público da Casa do Concello de Mondoñedo. O prazo para anotarse remata o mércores 31 de xullo. Haberá que indicar o nome, apelidos e DNI do participante, xunto ao enderezo do balcón e un teléfono de contacto.
O concurso prolongarase todo o verán, ata finais de agosto, período durante o cal o xurado realizará visitas periódicas nas que vai valorar: o estado de conservación e mantemento dos balcóns inscritos no concurso; a orixinalidade na ornamentación; a variedade, calidade e cantidade florística; o adecentamento da fachada e o resultado global; a colocación de elementos accesorios, tales como xardineiras, colgantes...; o enxeño ou capacidade para acadar unha decoración óptima en vivendas que carezan de balcóns ou que, a priori, non reúnan as mellores condicións para participar no certame.
O Concello de Mondoñedo concederá unha contía económica para cada un dos premiados e todos recibirán diploma acreditativo.
A presidenta do xurado será Claudia del Pino. O resultado do concurso darase a coñecer durante a primeira semana do mes de setembro. A entrega de premios será no salón de plenos da Casa do Concello nunha data a concretar. A autora do cartel anunciador deste ano volve ser a artesá Julieta Vargas.