Mondoñedo organiza o sábado 20 unha xornada sobre pilotaxe de drons

TerraChaXa | AMariñaXa
19 Xul 2019

O Concello de Mondoñedo organiza para o sábado, día 20 de xullo, unha xornada de pilotaxe de drons. A actividade, de entrada libre, desenvolverase na Alameda de Mondoñedo a partir das 10:30 horas.
Beatriz Meilán, concelleira de Igualdade, Conciliación e Xuventude do goberno local, precisa que “nunha época na que as tecnoloxías gañan peso desde o Concello de Mondoñedo queremos achegar á xente a oportunidade de coñecer e manexar os drons, polo que os convidamos a participar na xornada do sábado”.
A xornada interxeracional de coñecemento do patrimonio con drons está subvencionada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e está dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos e tamén a persoas maiores que queiran descubrir o mundo dos vehículos aéreos non tripulados.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, agradece a colaboración do Goberno galego para poder levar a cabo esta iniciativa que permitirá, tanto á mocidade como aos maiores, ampliar as súas competencias tecnolóxicas. 
Os expertos ensinaranlles aos participantes o funcionamentos dos drons e terán a oportunidade de poder pilotalos. 
En setembro o Concello de Mondoñedo organizará unha nova xornada que tratará de como aplicar os drons aos recursos da horta.
Os interesados en participar poden obter máis información no número 982507105. 

0.1857738494873