Mondoñedo saca a contratación a redacción do Plan Especial do Casco Histórico

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Un ordenamento urbanístico actualizado é peza básica para o desenvolvemento sostible especialmente nos cascos históricos e con este convencemento, o Concello de Mondoñedo saca a licitación o contrato de servizos para a redacción do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico (Peprich).
Captura de pantalla 2019 02 26 a las 9.40.11
27 Ago 2020

Un ordenamento urbanístico actualizado é peza básica para o desenvolvemento sostible especialmente nos cascos históricos e con este convencemento, o Concello de Mondoñedo saca a licitación o contrato de servizos para a redacción do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico (Peprich).

Segundo se recolle no prego de condicións, e de acordo co establecido na Lei do Solo de Galicia, o proxecto de plan especial terá que ser realizado por un equipo multidisciplinar, formado por un mínimo de tres especialistas con titulación universitaria de segundo ou terceiro ciclo; deles, polo menos un ten que ser arquitecto e outro enxeñeiro de camiños, canais e portos, ou estar en posesión do grao en arquitectura ou enxeñería de camiños.

O presuposto de licitación do contrato é de 254.364,67 euros, dividido en catro anualidades: 2020, 61.556,25 euros; 2021, 92.334,38 euros; 2022, 92.334,37; 2023, 61.556,25 euros. As propostas cuxo presuposto supere o de licitación serán desestimadas.

A financiación do proxecto correrá integramente a cargo da Xunta de Galicia, mediante o convenio establecido polo Concello coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, firmado o pasado 17 de xuño do ano en curso.

O director do equipo redactor, que será un dos seus membros, terá que estar en contacto directo co Concello de Mondoñedo, que poderá convocalo a tantas reunións como considere necesario.  Durante o período de exposición ao público do plan, o equipo redactor nomeará unha persoa, coa titulación e coñecemento suficiente do plan, que se encargará de atender a quen acuda a ver o Peprich no Concello. Este integrante do equipo técnico terá que estar como mínimo presencialmente no Concello un día a semana en horario de atención ao público.

A duración do contrato non poderá exceder de catro anos, sen posibilidade de prórroga. Os prazos que se fixan para a execución do contrato, son os seguintes: 12 meses desde a formalización do contrato para a presentación do documento para a súa aprobación inicial; 22 meses desde a formalización para a formulación do documento para o seu envío á Xunta; 34 meses para a aprobación definitiva do plan.

Melloras

O prego establece como melloras a valorar o emprego de tecnoloxías 3 D e de xeolocalización. Estes instrumentos permitirán favorecer un acceso público a través da web.

Tamén recolle a valoración de que se aporte a documentación técnica ( en soporte individual para cada finca) descritiva da planta e alzado dos inmobles catalogados existentes no casco histórico, que deberá reunir os requisitos de forma e de suficiencia informativa para permitir a inmatriculación dos inmobles no Rexistro de Propiedade e para a tramitación administrativa que garanta a correspondencia entre a realidade física e a realidade catastral.

0.19092488288879