Mondoñedo segue coa pavimentación de pistas en Cesuras e Curuxeiras
O Concello de Mondoñedo ten na súa folla de ruta a mellora de vías de titularidade municipal. Nesta liña, agora destina máis de 86.000 euros á pavimentación, mediante aglomerado en quente, de pistas na parroquia dos Remedios, concretamente en Cesuras e en Curuxeiras. As obras, que xa deron comezo, teñen un prazo máximo estimado para a súa execución dun mes segundo o proxecto.
Os traballos que se levarán a cabo serán de limpeza superficial de marxes, cunetas, plataforma, así como preparación do firme, bacheado e rexeneración a base de aglomerado en quente.
As pistas de Cesuras sobre as que se actuará son as que comunican con Santa Margarita, comprendidas entre a estrada N-634 e a vía provincial PR-31-06. Por outro lado, inclúense as vías que van desde Mondoñedo ao núcleo de Curuxeiras, accedendo ao núcleo desde A Tolda e desde Carroceiras.
Parte das pistas están incluídas dentro de solo de núcleo rural, histórico tradicional e o resto en solo rústico, e, dentro deste, hai partes que teñen protección por infraestruturas e outros por augas.