Mónica González tomou posesión como nova concelleira de Vilalba Aberta no Pleno
TerraChaXa
Ocupará a área de Cultura, como fixo a súa predecesora Tamara Rodríguez
18 Nov 2024
A número 4 da lista de Vilalba Aberta nas pasadas eleccións municipais, Mónica González, tomou posesión da súa acta como concelleira en substitución de Tamara Rodríguez durante o último pleno vilalbés.
Funcionaria de Correos, Mónica González é membro fundador de Vilalba Aberta e agora converterase tamén na nova responsable de Cultura do Concello de Vilalba, froito do acordo de goberno que asinou o partido co PSdeG en xullo de 2023.
Tanto o tenente de alcalde e voceiro municipal de VA, Modesto Renda, como a concelleira e responsable de Turismo, Comercio e Promoción da Lingua, María Xosé Fernández, quixeron arroupala na que foi a súa primeira sesión como edil e desexáronlle o mellor na etapa que comeza.