'Monstrólogo' representarase este sábado na Casa Habanera de Guitiriz
O Concello de Guitiriz acollerá a obra de teatro Monstrólogo na Escola Habanera o sábado 14 de decembro. Trátase dunha comedia de actor con monicreques destinada ao público familiar e que está a cargo da compañía Trécola Producións. Dará comezo a partir das 17:00 horas
A actuación enmárcase dentro do programa Circuíto Teatral Profesional da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
Conta a historia dunha gran eminencia no campo da monstroloxía que anda de xira por Galicia, dándonos a coñecer os tipos, habilidades e curiosidades dos monstros. Dun xeito divertido e monstruoso, a obra fala sobre as cualidades que temos cada quen e que nos fan especiais e únicos, así como da importancia de experimentar situacións e coñecer cousas novas para superar os medos.