Montse Fajardo presenta en Vilalba o seu libro 'A vida incerta'
Montse Fajardo presenta hoxe, venres, o seu novo libro A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira na Biblioteca Municipal de Vilalba da man da Asociación Feminista de Vilalba. O acto de presentación terá lugar ás 19.30h.
A obra é a biografía de Virxinia Pereira, e, como se sinala no limiar do libro “A maioría da xente non sabe como se chamaba a muller de Castelao, e entre a xente que si o sabe, prevalece a idea errónea de que Virxinia Pereira Renda -que así se chamaba- non era máis ca unha señorita conservadora, relixiosa e algo superficial da Estrada.[..] Sen ela, sen o seu propio e fondo compromiso, o legado de Castelao non estaría hoxe a disposición do pobo galego. Nin o artístico nin o político”.
Esta actividade completa a lectura deste mes do Club de Lectura que levan a cabo todos os meses dende a Asociación Feminista de Vilalba. “Aínda que a presentación vai unida ao club de lectura, é unha actividade aberta a calquera que desexe participar. Será unha boa ocasión para charlar con Montse e coñecer un pouco máis da nosa historia”, afirman dende a asociación.