Morandeira avanza coa subdelegada no proxecto de humanización da travesía da N-6
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, reuniuse hoxe coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, para continuar avanzando no proxecto de humanización da travesía urbana da N-6 ao seu paso por Guitiriz.
Deste modo, acordaron a construción de varios pasos de peóns seguros e o acondicionamento do tramo urbano desta zona, coa dotación de beirarrúas, en especial no treito entre o parque infantil e o fin do percorrido da estrada estatal sentido A Coruña.
Marisol Morandeira agradeceu “a predisposición amosada pola subdelegada para axilizar o máximo posible os trámites e que este proxecto sexa realidade o antes posible” e explicou que “logo solicitaremos a transferencia deste tramo co obxectivo é mellorar e axilizar as diferentes xestións aos veciños”.
“O obxectivo da transferencia é concentrar todos os trámites no Concello xa que na actualidade calquera obra, grande ou pequena, a facer nos edificios require da autorización municipal e estatal, co conseguinte retraso que isto significa. Así, todos os particulares terán o mesmo tratamento independentemente de en que rúa se atopen”, afirmou a rexedora.
Morandeira sinalou que “por outra banda, tamén beneficiará aos negocios de hostalería xa que poderán enmarcarse dentro da ordenanza de terrazas que ten previsto aprobar o goberno local e non terían que adaptarse á estrita normativa estatal”.
Isabel Rodríguez reafirmou o compromiso do Goberno con estas actuacións e trasladoulle á alcaldesa que a unidade de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana xa está a traballar para sacar adiante o proxecto e realizar as melloras solicitadas na reunión, “proporcionándolles aos veciños e veciñas de Guitiriz unha estrada máis cómoda e segura”.
Ademais, a subdelegada deu conta da actuación feita polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana nos pasos de peóns situados fronte ao Gadis e á oficina de Correos para mellorar a seguridade viaria dos peóns.
No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, Isabel Rodríguez e Marisol Morandeira, tamén analizaron as posibilidades de colaboración entre as dúas administracións e trataron temas referidos a seguridade. Ademais, a subdelegada e a alcaldesa acordaron planificar a próxima convocatoria da Xunta Local de Seguridade Cidadá do concello.