Morás impón a súa lei no II Aberto do Miño disputado en Castro de Ribeiras de Lea

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Un total de 78 palanadores déronse cita no campo, repartidos en 53 homes, 19 donas e 6 cativos
podio-absoluto-billarda-castro
24 Feb 2026

Por Daniel Rodríguez Saavedra

Castro de Ribeiras de Lea volveu acoller unha cita destacada coa billarda coa celebración do II Aberto do Miño, nunha xornada que comezou marcada pola néboa mais que, co paso das horas, deu paso a un ceo despexado e a unha temperatura agradable grazas á presenza de Lorenzo, que se fixo dono do día.

Un total de 78 palanadores déronse cita no campo, repartidos en 53 homes, 19 donas e 6 cativos. O terreo, algo brando polas recentes choivas, permitía o xogo aínda que resultou máis esixente do previsto, provocando erros pouco habituais na maioría dos participantes e engadindo emoción á competición.

A quinta carreira resultou decisiva para determinar o gañador do aberto, nunha loita moi axustada entre Markytos, Morás, Carlos e Bonxe. Finalmente, foi Morás quen se proclamou campión, superando a Markytos e a Bonxe nun desenlace de máxima igualdade.

Na categoría feminina cumpriuse o dito de que os últimos serán os primeiros. Vivi, que inicialmente non estaba anotada para participar, presentouse finalmente á competición e acabou impoñéndose con claridade a Vanesa e Delia, acadando así o primeiro posto.

En infantís, Mateo volveu demostrar o seu gran momento de forma, sen dar opción aos seus rivais. Mauro e Adrián completaron o podio nunha categoría que continúa medrando en nivel e participación.

Na clasificación por equipos, os lucenses Madia Leva puxeron o broche á súa boa tempada inscribindo por primeira vez o seu nome como campións dun aberto, consolidando así o traballo colectivo realizado ao longo do curso.

A entrega de premios contou coa condución de Pepe Outeiro como mestre de cerimonias, poñendo o punto final a unha intensa xornada deportiva. Os participantes xa quedan emprazados para a próxima cita, prevista para o 14 de marzo en Bretoña, nun calendario que segue a reafirmar que a billarda continúa máis viva ca nunca.

Así quedan as clasificacións xerais:

Individual:

  • 1º Navallo (Troitas Bravas) 123 p
  • 2º Gundar (Madia Leva) 119 p.
  • 3º Markytos (Billardeiros Musicais) 115 p.

Donas:

  • Cris (Castiñeiro Milenario) 71 p.
  • Vanesa (Castiñeiro Milenario) 52 p.
  • Aroa (Billardeiros Musicais) 46 p.

Infantil

  • Mateo (Troitas Bravas) 80 p.
  • Antía (Troitas Bravas) 17 p.
  • Martín (Troitas Bravas) 11 p.

Equipos:

  • Troitas Bravas (A Pontenova) 465 p.
  • Billardeiros Musicais (Ribadeo) 427 p.
  • Madia Leva (Lugo) 412 p.
0.079946041107178