Morcegos de Galicia analiza o valor da Rede Natura 2000 da provincia da Coruña

A asociación Morcegos de Galicia con sede nas Pontes está a desenvolver un estudo sobre o valor da Rede Natura 2000 (RN2000) da provincia da Coruña para a conservación das poboacións de morcegos, coa colaboración económica da Deputación da Coruña. O proxecto pretende avaliar se os espazos protexidos actuais ofrecen unha cobertura eficaz para a preservación destas especies ameazadas.
Nunha primeira fase do traballo, a entidade centrouse en depurar e sintetizar toda a información dispoñible sobre as especies obxectivo e os espazos RN2000 da provincia. Posteriormente, entre o verán e o inicio do outono deste ano, membros da organización realizaron mostraxes acústicas, capturas e contaxes de refuxios, o que permitiu obter novas citas e localizar colonias de grande relevancia na Coruña.
Actualmente, Morcegos de Galicia atópase na fase de análise dos datos para determinar se a Rede Natura 2000 garante unha protección efectiva ou se é necesario mellorar o seu deseño e planificación no relativo aos morcegos.
Na provincia da Coruña rexístranse 24 especies de morcegos, das cales dez presentan especial interese para a conservación ao estaren incluídas no Anexo II da Directiva Hábitats, no Catálogo Galego de Especies Ameazadas ou en ambos.
Trátase de seis especies cavernícolas e catro forestais: Rhinolophus ferrumequinum, Rhinolophus hipposideros, Rhinolophus euryale, Myotis mystacinus, Myotis bechsteinii, Myotis emarginatus, Myotis myotis, Nyctalus lasiopterus, Barbastella barbastellus e Miniopterus schreibersii.
Desde a designación dos actuais espazos protexidos, o coñecemento sobre a distribución dos morcegos aumentou significativamente, en boa medida grazas aos proxectos impulsados por Morcegos de Galicia ao abeiro das axudas da Deputación. Entre os avances máis destacados atópanse o incremento de refuxios coñecidos, a identificación de novas zonas de alimentación e apareamento e mesmo primeiras citas de especies ameazadas na provincia.
Con todo, a ONG considera necesario seguir mellorando e unificando a información existente, de maneira que poida resultar útil para optimizar a protección e xestión dos espazos da Rede Natura 2000.
A asociación, con sede nas Pontes e inscrita no rexistro xeral de asociacións de Galicia, é unha entidade sen ánimo de lucro dedicada ao estudo e conservación dos morcegos galegos. O proxecto culminará no mes de decembro, cando Morcegos de Galicia presentará publicamente os resultados e conclusións deste estudo, que se agarda sirvan para reforzar a conservación destas especies e a mellora da planificación ambiental na provincia da Coruña.