Morcegos de Galicia avaliou o valor de Rede Natura 2000 da provincia da Coruña para a conservación da especie

O proxecto Morcegos e Rede Natura 2000 na Coruña realizouse ao longo de 2025 por persoal de Morcegos de Galicia co apoio económico da Deputación da Coruña. O traballo consistiu, por unha banda, en revisar a toda a información de morcegos existente na provincia, analizando datos da asociación, publicacións e consultando os Formularios Normalizados de Datos das Zonas de Especial Conservación de Rede Natura 2000, e, por outra, en realizar novas mostraxes para ampliar e actualizar a información pre-existente. O pasado 17 de decembro os técnicos da ONG presentaron os resultados preliminares deste estudio a voluntarios e público xeral interesado na conservación da natureza no local do Grupo Naturalista Hábitat, na Coruña.
Galicia ten apenas o 11,8 % do seu territorio protexido pola Rede natura 2000, unha porcentaxe que a sitúa coma a comunidade autónoma de España con menos territorio baixo esta figura de protección, con menos da metade da media estatal. A provincia da Coruña sae especialmente mal parada, ao contar só cun 4% da súa superficie mariña protexida e un 1,5% da superficie terrestre. Así, ao tratarse de espazos principalmente mariños e fluviais, a Rede Natura 2000 conta cunha moi baixa representación de bosques, tanto naturais coma culturais.
No que respecta aos morcegos, o 50% das especies presentes en Galicia non están recollidas en ningún formulario das ZECs que forman a RN2000 da Coruña. As deficiencias detectadas tamén inclúen a aparición dunha especie de distribución meridional que non se atopa en Galicia (Myotis blyhtii) na ficha da ZEC Ortigueira-Mera. Por último, existe un grande sesgo nos datos que fai que as especies máis fácilmente localizables (do grupo das cavernícolas) sexan as que aparecen mais citadas mentres que as especies forestais e fendurículas apenas teñen representación.
Por outra banda, non existe na provincia nin en toda a comunidade autónoma ningún espazo RN2000 designado en base aos morcegos. Tendo en conta que un dos obxectivos da designación destes espazos é protexer especies ameazadas e os seus hábitats e/ou lugares de descanso, chama a atención que o grupo de mamíferos mais ameazado de Galicia non teña apenas representación nos espazos naturais galegos, e, concretamente da provincia da Coruña.
Nova información aportada por Morcegos de Galicia
Durante o ano 2025, o persoal da asociación realizou mostraxes en 12 refuxios de morcegos, e capturas en 10 puntos considerados de interese para os morcegos. Esta información ven a completar a que a ONG leva xerada nos seus 21 anos de actividade, nos que realizou 7 proxectos de diversa duración na provincia.
Así, a nova información aportada no marco deste proxecto aumenta o número de especies presentes dentro da RN2000 da Coruña a 20, 8 delas ameazadas. Tamén o número máximo de especies nunha ZEC aumenta de 5 a 18. Por outra banda, ponse de manifesto que a grande maioría das zonas de interese para os morcegos están fora da RN 2000.
A RN2000 actual na provincia da Coruña non ten en conta a conservación das poboacións de morcegos, tanto polo seu deseño como pola información (non actualizada) na que se basea.
É preciso actualizar a información sobre as especies de morcegos nas ZEC actuáis e deseñar ampliacións das actuáis ZEC ou novas ZEC que garantan a conservación das especies ameazadas de morcegos e os seus refuxios.
Tamén se considera necesario identificar lugares e/ou refuxios de importancia que deben ser protexidos mediante a inclusión en ZEC existentes ou novas.
O seguinte paso para Morcegos de Galicia é facer unha proposta de valoración da importancia dos refuxios en Galicia e avanzar na protección efectiva (tamén física) dos refuxios identificados, tanto dentro coma fora das ZEC.