Mosteiro acolle o sábado o festival anual de Leña Verde
A agrupación musical Leña Verde de Pol, en colaboración coa SD Pol e o Concello, organiza o vindeiro sábado,
día 3 de agosto, a súa tradicional festa anual, unha cita que cumpre 26 edicións e que encherá unha vez máis de música e de ritmos a área recreativa do Azúmara, en Mosteiro.
O grupo polense programa unha xornada chea de actividades, que arrincará ás 14.00 horas cunha sesión vermú con aperitivos no bar da carpa da festa. Unha hora máis tarde está programada a comida popular, que se fará de forma tradicional, coas viandas e alimentos que cada un leve preparados para a ocasión. Para os menos previsores, haberá polbo á venda ao prezo da feira.
A festa continuará ás 17.00 horas co festival, eixo do programa, que incluirá música, canto, baile e maxia para todos os públicos.
Os interesados en asistir xa poden reservar mesas e asentos a través do número de teléfono 657.87.64.50. O prazo estará aberto ata o venres, día 2.