Móvete x As Pontes volve este sábado

TerraChaXa
Os negocios das Pontes organizan un ano máis este sábado, 11 de xuño, unha nova edición de  Móvete x As Pontes,.
movete x as pontes portada
7 Xuño 2022

A fashion night "Móvete x As Pontes", promovida polo Concello das Pontes e a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios de As Pontes (Cohempo) regresa esta fin de semana, tras dous anos de parón provocado pola Covid19, con un programa de actividades orientado a convertir ao municipio nun punto de encontro das persoas amantes da moda e dinamizar o sector comercial local.

Elena López, concelleira de Comercio e Hostalería remarcou a importancia de retomar esta iniciativa xa que “o comercio de proximidade ten unha gran importancia como motor económico e social da nosa vila, contribúe a crear un tecido sectorial sólido, xerador de centos de empregos, e constitúe un dos eixos do desenvolvemento local e do dinamismo do pobo. A fashion night é unha excelente oportunidade para que os establecementos comerciais ponteses, tras un período complicado debido a situación económica derivada da pandemia, poidan incrementar a súas vendas e, asi mesmo, a veciñanza e as persoas visitantes doutros municipios teñen a oportunidade de descubrir novos establecementos e gozar de atractivas ofertas comerciais, incentivando deste xeito o comercio de proximidade”.

A edil tamén fixo fincapé no éxito e continuidade desta iniciativa apuntando que ambos residen na implicación por parte de comerciantes e “desde o Concello de As Pontes queremos agradecer o esforzo,creatividade, implicación e compromiso para lograr que esta gran cita sexa inesquecible e acade os obxectivos propostos”.

Esta nova edición da festa do comercio das As Pontes, comezará ás 17:00 horas e inclúe desfiles de moda na Avenida de Vilaba, na Avenida de Ortigueira, na Avenida Castelao e na Rúa Alexandre Bóveda nos que os establecementos amosaran ao público as últimas tendencias de moda, complementos e beleza cara o verán e que farán das Pontes un gran escaparate ó aire libre coas propostas comerciais do municipio.

Así mesmo, ao longo de toda a tarde, Eva Iglesias, colaboradora no programa da TVG, Land Rober-TunaiShow e Natalia Maquieira, CEO e socia fundadora de PASOAPASO Agency, experta en comunicación dixital de marcas de moda, visitarán os establecementos participantes en Móvete x As Pontes, onde a veciñanza e as persoas visitantes poderán conversar con elas.

Os locais participantes prolongarán o seu horario de apertura ata as 00:00 horas para ofrecer, á veciñanza e persoas visitantes descontos especiais, promocións e sorteos. Ademais algúns establecementos ofrecerán á súa clientela concertos de música en directo, actuacións de dj´s, obradoiros para nen@s e numerosas sorpresas.

Asemade, durante toda a celebración, varias charangas percorrerán as rúas do pobo, animando a comerciantes, veciñanza e visitantes.

Finalmente, entre todas as persoas compradoras repartiranse premios valorados en 600 euros, a través de tarxetas rasca, para gastar durante a celebración da fashion night nos establecementos que participan nesta iniciativa.

A concelleira invitou a todos os veciños e veciñas e visitantes a gozar desta gran festa do sector comercial local, a vivir unha noite diferente entorno ao mundo da moda e do pequeno comercio, amosando o seu apoio á economía local, mercando no comercio pontés e investindo no futuro de As Pontes.

0.18648791313171