Mozos e mozas da Pastoriza instalan unha escultura feita co lixo recollido no concello

TerraChaXa
Os mozos e mozas instalarán unha escultura que realizaron coa artista Cabanes Fontao este martes 20 de xuño ás 10h na Praza do Concello.
rapaces pastoriza escultura lixo
20 Xuño 2023

“Esta merda é vosa” así reza o cartel que acompaña á escultura da cabeza dunha vaca realizada co lixo que un grupo de adolescentes recolleu no concello da Pastoriza. Eles e elas mesmas reivindican a acción cun texto escrito nun gran cartón de leite que completa a instalación “Recollemos todo este lixo na contorna do río e nas cunetas e camiños da Pastoriza. Se queremos que o noso leite sexa o mellor, non podemos contaminar o noso Concello. Sen auga limpa, non hai leite boa".

Esta acción de rúa, que poderíamos definir como comunicación de guerrilla, foi ideada por un grupo de mozos e mozas do IES Fonmiñá a través do proxecto europeo People & Planet: un destino común, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coa colaboración do propio concello. A idea é concienciar á xuventude sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.

O punto de partida foi a participación desta rapazada nun obradoiro previo impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) onde aprenderon non so as peculiaridades que usa a comunicación de guerrilla, senón tamén a temática a tratar: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global. Nestas sesións tamén comezaron a imaxinar a acción que hoxe podemos ver no concello. A idea principal era construír unha vaca, animal emblemático de A Pastoriza pola tradición gandeira e leiteira da localidade, e enchela co lixo que eles mesmos recollerían. Tamén decidiron deseñar un gran cartón de leite para completar a acción. Posteriormente contactaron coa artista afincada en Lugo, Ana Cabanes Fontao, con experiencia en instalacións feitas con material de refugallo, que deu o seu toque persoal á escultura.

Os mozos e mozas e a artista instalarán a escultura este martes 20 de marzo a partir das 10 horas na praza do concello.

A iniciativa #PeopleAndPlanet que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

0.15124917030334