Muimenta acolle a proxección do documental 'Julia' a cargo de Xotramu
O colectivo Xotramu organiza o venres 8 de marzo de 2024, ás 22:00 horas, na Igrexa Vella de Muimenta, a proxección do documental Julia, de Jacobo Lagüela.
Este filme documenta a extinción e o abandono do rural como o coñecemos ao través dos ollos da súa protagonista. Realiza un percorrido pola vida de Julia e invita aos espectadores a unha viaxe lento entre pasado e presente; no que se pode apreciar o declive do campo español nos últimos 70 anos. Coa esperanza de que o relevo xeracional se cumpra, e de que os bisnetos collan as rendas para garantir un futuro digno para o rural, Julia reivindica o papel da muller, é memoria histórica e unha chamada de atención; se esquecemos de onde vimos, nunca saberemos a onde imos.
Debido a interese que espertou a proxección e a causa do escaso aforo, os organizadores ofrecen aos asistentes dúas opcións para chegar a máis público. Por un lado, proxectaríase a película tamén no Museo Pedagóxico da Escola Vella á mesma hora, por atoparse este preto da igrexa, e só no caso de completar aforo. No outro caso, proxectaríase de novo na Igrexa Vella ao rematar a primeira sesión, que dura sobre 70 min, no caso de ser preciso.
A miña avoa
Julia sempre foi autosuficiente. Na súa horta, podes atopar calquera tipo de vexetal e froita de tempada e da mellor calidade. No pasado tamén tiña vacas e outros animais pero a día de hoxe só queda un porco, algunhas galiñas e un par de coellos.
Toda a familia axudaba nas labores de cultivo e recolección, pero agora a ninguén lle quedan xa nin tempo nin ganas. Ela é a única que se esforza por manter vivo un estilo de vida en vías de extinción e, a pesar de loitar para que as súas fillas tivesen as oportunidades que lle faltaron a ela, sente tristeza cando ve que o relevo xeracional non se vai producir.
Como case todas as mulleres da súa xeración, a miña avoa non o tivo fácil: traballou fora e dentro da casa, criou 5 fillas e enfrontouse os ós retos dunha sociedade atravesada pola pobreza. Aínda así, conserva un brillo nos ollos capaz de iluminar a vida de todos os que a rodean. Julia é casa, é a loita dos labregos, é o grito do campo, é a esperanza de salvar as nosas raíces; pero sobre todo representa a universalización da avoa do rural.
Jacobo Lagüela
É un realizador galego que emigrou con tan só 20 anos de idade. Primeiro a Brasil, onte tivo os seus primeiros contactos co mundo do cine; e posteriormente a Reino Unido, onde a súa paixón por contar historias se traduciu nun traballo de cámara e piloto de dron para importantes canles internacionais como a BBC, National Geographic ou Discovery; e posteriormente como Director e Productor en Off The Fence, produtora gañadora dun Oscar ó mellor documental polo filme Meu Mestre o Polvo.
Lagüela usa o seu traballo pra voltar ás raíces - e como plataforma para dar voz ás realidades de persoas que tradicionalmente non están representadas nas grandes pantallas - a súa ambición é a de salvar e rexistrar en vídeo estilos e filosofías de vida que están a piques de desaparecer.
A entrada é de balde pero haberá que realizar a correspondente reserva na páxina web do Concello, na casa da cultura ou o mesmo día no auditorio.