Muimenta acolle este domingo a XVII Festa dos Xogos Tradicionais

Este domingo, 1 de xuño, a localidade de Muimenta converterase nun gran punto de encontro para a cultura popular coa celebración da XVII Festa dos Xogos Tradicionais. A cita, organizada pola asociación Xotramu, terá lugar a partir das 16:00 horas no campo da Igrexa Vella e ofrecerá un amplo programa de actividades para todos os públicos.
A xornada contará cun espectáculo sobre rodas a cargo de Cabicivai, que animará o ambiente con humor e maxia itinerante, e coa música tradicional en directo do grupo Axeigo, que porá a nota sonora á festa.
Entre as propostas máis destacadas, haberá aberto de billarda, campionato de tirapedras, lanzamento de boina, obradoiros e múltiples xogos populares que recuperan tradicións do pasado. Tal e como anuncia a organización, “todo será de balde”, co obxectivo de fomentar a participación e o gozo colectivo arredor do patrimonio inmaterial galego.
A festa conta co apoio do Concello de Cospeito, a Deputación de Lugo, Capabillo Billarda, ACD O Varal, LNB e outras entidades culturais da zona. Esta XVII edición promete ser unha celebración chea de alegría, tradición e identidade galega, mantendo viva unha das citas máis emblemáticas da comarca.