Muimenta acolle o sábado unha representación de Bátega Teatro
Organizada por Xotramu, este sábado, 25 de novembro, terá lugar a representación da obra O Mundo de Martiña, a cargo de Bátega Teatro. A representación será ás 20.00 horas na igrexa de Muimenta.
A obra é axeitada para maiores de 14 anos e conta coa actuación de Raquel López Cendán e Pedro Insua, entre outros.
Martiña é unha nena moi curiosa e espabilada, pero hai cousas que non logra entender, por exemplo que as súas opinións sexan menos importantes que as dos adultos, ou que teña que calar e obedecer a papá, a mamá, ao pai Edelmiro, á tía Amparo…, cando é evidente o confundidos que están acotío. Iso de que estean Deus, o Ratiño Pérez, os Reis Magos ou o anxo da garda observándoa para xulgar o seu comportamento e premiala ou castigala, tampouco lle acaba de gustar. Na segunda metade do espectáculo, veremos a Martiña crecer, afrontar a regra, a paixón adolescente, a autoridade paterna ou o mundo laboral. Verémola sortear obstáculos e sacar conclusións. A través dun monólogo teatralizado, musicado e mesturado con cancións, Martiña enfrontarase á vida coas armas que vai descubrindo. O seu espírito crítico e as súas dúbidas respecto ao establecido nunca a abandonarán.