Muimenta acolle unha charla sobre o agrupamento voluntario de terras

A Asociación de Empresarios de Muimenta organiza o vindeiro martes 16 de setembro unha charla informativa sobre o agrupamento voluntario de terras. O encontro terá lugar ás 11 da mañá no Salón de Actos da Casa da Cultura de Muimenta e está aberto a toda a cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia.
O colectivo empresarial, que integra ao sector gandeiro da localidade, considera de interese o programa impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Este instrumento permite a mobilización de terras mediante permutas de interese agrario, facilitando que as persoas propietarias de fincas rústicas poidan intercambialas por mutuo acordo, co obxectivo de mellorar a produtividade das explotacións.
A iniciativa conta coa colaboración de Agader, dependente da Consellería do Medio Rural, e co apoio do Concello de Cospeito.