Muimenta acollerá un obradoiro sobre repouso e sono o vindeiro 20 de marzo

O local social do Centro Médico de Muimenta acollerá o vindeiro venres 20 de marzo un obradoiro informativo centrado na importancia do descanso e da calidade do sono. A actividade, organizada coa colaboración do Servizo Galego de Saúde e da Asociación Cultural local, comezará ás 17.00 horas e está aberta á participación da veciñanza.
Durante a sesión abordaranse diferentes aspectos relacionados co descanso, como o ciclo do sono e os cambios que experimenta ao longo da vida, así como a relación entre o sono e diversas funcións vitais do organismo. Tamén se falará sobre algúns dos mitos máis frecuentes relacionados co descanso e analizaranse os factores que poden alterar a calidade do sono no día a día.
Ademais, o obradoiro ofrecerá recomendacións prácticas e claves para durmir mellor sen necesidade de recorrer a medicación, así como diferentes ferramentas alternativas que poden axudar a mellorar os hábitos de descanso.
A participación na actividade será gratuíta, aínda que será necesario inscribirse previamente na Mercería Teresa antes do 16 de marzo. A iniciativa busca promover hábitos saudables entre a poboación e concienciar sobre a importancia dun bo descanso para manter unha boa saúde e calidade de vida.