Muimenta celebrará o Entroido 2026 cunhas Olimpíadas populares cheas de humor e participación

A Praza Maior de Muimenta converterase o martes 17 de febreiro no escenario principal do Entroido 2026 cunha proposta festiva e orixinal baixo o nome de Entroido en Muimenta: Olimpíadas 2026. A cita dará comezo a partir das 16.00 horas e promete unha tarde chea de risas, convivencia e actividades pensadas para todos os públicos.
A celebración convida á veciñanza a participar disfrazada de deportista, xa sexa profesional, afeccionada ou mesmo “de sofá”, para tomar parte nunhas olimpíadas moi especiais nas que o máis importante non serán os récords, senón o bo humor e as ganas de pasalo ben. Ao longo da tarde desenvolveranse xogos olímpicos adaptados e divertidos, como a cucaña do lacón, o xogo das cadeiras, as arandelas ou un futbolín humano, ademais doutras propostas lúdicas.
O programa complétase cun karaoke aberto á participación, exhibicións de zumba tanto para público adulto como infantil e unha merenda gratuíta con chocolate e lambonadas. Ademais, haberá servizo de bar e realizarase o sorteo dunha cesta na que a persoa gañadora obterá a súa “medalla” sen necesidade de grandes esforzos deportivos.
O Entroido en Muimenta está organizado de maneira conxunta pola ANPA A Granda, a Asociación Cultural e Veciñal Aquilino Iglesia Alvariño de Muimenta, Xotramu Xogos Tradicionais Muimenta, Acapa Show e a Casa do Deporte. Desde a organización animan a toda a poboación a participar nunha xornada que pretende reforzar o espírito comunitario e reivindicar o Entroido como unha festa aberta, participativa e para todas e todos.