Muimenta convoca o concurso de debuxo e relato da Filloa na antesala da XXXV edición da súa festa

TerraChaXa
A Festa da Filloa, que terá lugar o venres 1 de maio no recinto feiral Manuel Vila, conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2008
comision-organizadora-moexmu-2026
6 Mar 2026

A organización da Festa da Filloa de Muimenta vén de convocar unha nova edición do tradicional Concurso de Debuxo e Relato, unha actividade dirixida ao alumnado dos centros educativos da comarca da Terra Chá que forma parte da programación previa á celebración da XXXV Festa da Filloa, prevista para o vindeiro 1 de maio.

Estes días foron remitidas as bases da XXVI edición deste certame aos colexios de educación primaria e secundaria da comarca, aínda que a participación tamén estará aberta a nenos e nenas doutros municipios que desexen formar parte da iniciativa. Nesta ocasión, os participantes deberán elaborar os seus traballos arredor da temática da Festa da Filloa, unha celebración gastronómica que se converteu nun dos eventos máis representativos da zona.

Os traballos premiados serán expostos durante a xornada festiva no recinto feiral e os gañadores recibirán os seus galardóns tras a lectura do pregón o propio día 1 de maio. O concurso mantén as cinco categorías habituais, que abarcan dende a etapa infantil ata o alumnado de secundaria e bacharelato, repartindo un total de vinte premios entre gañadores e finalistas.

A primeira categoría está destinada a nenos e nenas de ata 6 anos, mentres que a segunda e a terceira corresponden ao alumnado de primaria de 7 e 8 anos e de 9 e 10 anos respectivamente. A cuarta categoría inclúe aos estudantes de 11 e 12 anos e a quinta está dirixida á mocidade de entre 13 e 18 anos.

Como vén sendo habitual dende o ano 2010, espérase tamén contar cun agasallo especial cedido pola Universidade de Santiago de Compostela, que será entregado a un dos participantes premiados. Ademais, o certame conta coa colaboración do Concello de Cospeito, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, da Axencia Galega de Turismo e de diversas entidades financeiras.

FESTA DE INTERESE TURÍSTICO

A Festa da Filloa, que terá lugar o venres 1 de maio no recinto feiral Manuel Vila, conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2008. En 2023 recibiu ademais o Premio á Excelencia Turística da provincia de Lugo e as súas filloeiras e filloeiros foron distinguidos co galardón ao Veciño Exemplar.

Ao longo da xornada desenvolveranse numerosas actividades paralelas, entre elas exhibicións de agility, demostracións de artesanía, exposicións do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación (Centrad) e diferentes actuacións musicais. Entre os grupos que participarán figuran a Escola de Música e Baile Tradicional da Pastoriza, Os do Campo, Cosmedeejay, Pandereitos do Inferno ou Nubeiro, este último dentro do programa Tradigalu da Vicepresidencia da Deputación.

A organización da festa corre a cargo da Asociación de Empresarios de Muimenta, a través das comisións da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), que traballan simultaneamente na preparación dos dous eventos. Na celebración participan tamén preto de douscentos colaboradores voluntarios, procedentes tanto de Muimenta como de localidades próximas, que durante toda a xornada se encargan de elaborar filloas, churrasco, queimada e café para atender aos numerosos visitantes que cada ano se achegan á vila.

A iniciativa conta co apoio do Concello de Cospeito, da Deputación de Lugo nas áreas de Cultura e Turismo, da Xunta de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela e de numerosas empresas e particulares que contribúen á organización dun dos eventos gastronómicos máis destacados da comarca.

0.137934923172