Muimenta prepárase para celebrar este sábado a Festa da Xuventude

A localidade lucense de Muimenta acollerá este sábado, 22 de marzo, a súa tradicional Festa da Xuventude, unha cita que promete diversión e boa música durante toda a xornada e que chega á sexta edición.
O evento arrancará ás 14:00 horas cunha sesión vermú amenizada polo grupo Fénix, que tamén protagonizará a gran festa rachada da noite. Ademais, a celebración contará coa actuación de DJ Manuel Eventec, que porá ritmo á festa ata ben entrada a madrugada.
Os asistentes poderán gozar dun menú especial festa servido polo restaurante Anllo. O prezo do xantar será de 30 euros, igual que o da cea.
A festa celebrarase nun campo cuberto con carpa para garantir o confort dos participantes, independentemente das condicións meteorolóxicas. As reservas pódense realizar chamando ao teléfono 982 528 069.
A organización destaca e agradece especialmente a colaboración dos Amigos do Miño, que contribúen ao éxito desta esperada cita festiva.