Muimenta prepárase para gozar dunha nova edición da Festa do Río o domingo
A Asociación Cultural Aquilino Iglesia Alvariño, un ano máis, organiza a xa veterana Festa do Río que conta con xantar, música e sesión de tarde. Será o domingo 4 de setembro na área recreativa Ribas de Miño, un día despois do festival Pozomouro.
De feito, o vermú e a tardiña estarán amenizados polo dúo Eclipse e o xantar, a un prezo de 25 euros, conta xa con 100 inscritos malia que o prazo para apuntarse remata este xoves 1 de setembro.
O menú constará de empanada, xamón cocido, paella, postre e café. Os nenos de 4 a 10 anos pagarán a metade e os menores terán o xantar gratuíto. Os intersados en anotarse deben facelo na Mercería Teresa.
Esta cita, que comezara coma unha comida campestre na que cada familia levaba a súa merenda, foi mudando e ampliando xente ata converterse nunha gran celebración.