Muimenta prepárase para unha nova edición da Moexmu a partir do venres
Muimenta volverá ser a capital do agro entre o venres 5 e o domingo 7 de abril, datas nas que se celebrará unha edición moi especial da Moexmu, a feira multisectorial na XL edición da Mostra Exposición, o XXXVIII Concurso de Gando Frisón, a XXXVIII Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a XXVIII Poxa de Gando Selecto, ademais do VI Monográfico do Can de Palleiro.
O acto de presentación tivo lugar no recinto feiral Manuel Vila López, onde se desenvolverá a cita, que abrirá as súas portas este venres co pregón de Carlota López Pardo, vicepresidenta do Grupo Aresa, ás 19.00 horas. A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta organiza esta cita, que, un ano máis, conta coa colaboración da Deputación de Lugo.
Un ano levan traballando dende a comisión para ofrecer de novo este ano un programa de alto nivel.
A feira multisectorial, que conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía abrirá as súas portas durante tres días, con especial protagonismo para as xornadas de sábado e domingo a partir das 9.00 horas cos concursos de gando, o primeiro día, pola mañá de xatas e xovencas, e de gando frisón pola tarde xunto á poxa de gando selecto tamén en xornada matinal. Este ano hai xa inscritas para o Concurso de Gando Frisón 17 gandarías, tanto de Lugo (8) como de Pontevedra (3), A Coruña (5) e unha de Asturias. Son un total de 136 cabezas de gando para 24 seccións e campionatos. En Rubia Galega participan 12 cabezas de gando en colaboración con Acruga. Os premios suman os 26.000 euros.
O domingo será a vez dos concursos de manexadores, para a mocidade primeiro e para os adultos despois. Clausurarase oficialmente ao mediodía pero a feira permanecerá aberta ata a noite.
Os carteis anunciadores da feira estiveron outro ano máis da man de Paula Francos Anllo. Son unha homenaxe a todas as persoas que co seu traballo, grande ou pequeno, contribuíron e contribúen (e esperemos que contribúan no futuro) a que a Moexmu se convertese nunha cita consolidada no mundo agrario e gandeiro de Galicia.
Nos concursos de gando cobra especial relevancia a presenza de Bonet Cid Salgado, que será o xuíz do Concurso de Gando, concurso ao que xa acudiu como gandeiro.
Ademais dos concursos, a Moexmu contará con moitas máis opcións nos máis de 25.000 metros cadrados de exposición, dos cales 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada. Os postos estarán ocupados por artesanía popular, produtos galegos e xa están ao completo.
Haberá exposición de traxe tradicional do Centrad, así como demostracións de artesáns e música. Estará tamén un zoqueiro de 17 anos, Álvaro Pin Campo, que leva facendo zocas durante dous anos. Completa o programa como todos os anos o concurso de Cans de Palleiro, puntuable para o Campionato Galego, que será o domingo pola tarde.
PRESENTACIÓN
Na presentación do evento, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou o apoio da institución provincial, que achega 8.000 euros para a celebración dunha cita que “é un referente no seu ámbito”. Felicitou á Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta por organizar unha iniciativa que visibiliza e pon en valor a actividade agrogandeira”, e ademais faino este ano dun xeito “moi especial”, sinalou o deputado, pois “a feira cumpre catro décadas co recente recoñecemento do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural”.
A Xunta colabora un ano máis coa Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu). A secretaria territorial da Administración autonómica, Marta Barreiro, participou tamén na presentación do programa, que conta co apoio da Xunta, que achegou 70.000 euros a través dun convenio co Concello de Cospeito.