Muimenta rende unha nova homenaxe á filloa

TerraChaXa
Entregáronse os galardóns do concurso escolar de debuxo e redacción e as autoridades pasaron tamén por esta festa
festa-da-filloa-muimenta
2 May 2025

O día 1 de maio viviuse, coma todos os últimos anos, entre filloas e numeroso público, que non quixo perderse a Festa da Filloa, de Interese Turístico Galego, e para a que o pregoeiro, o actor Denís Gómez, reclamou que fose de "interese mundial".

Música e actividades para todas as idades completaron un programa que ten como fin principal recoñecer este produto tan galego nunha celebración na que colaboran 145 voluntarios, desde nenas e nenos ata aqueles que fan todo o que a avanzada idade lles permite.

Entregáronse os galardóns do concurso escolar de debuxo e redacción e as autoridades pasaron tamén por esta festa para ser partícipe e para reclamar a súa importancia para a tradición e o patrimonio.

O deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, afirmou que se trata dun evento que “contribúe a dinamizar a economía local, da comarca e da provincia, enxalzando e poñendo en valor a nosa tradición gastronómica”.

A deputada do BNG no parlamento galego Montse Valcárcel visitou as diferentes exposicións que se organizan ao redor desta Festa da Filloa, incluído un pavillón que contaba con exemplares de animais de razas galegas autóctonas, desde cans de raza palleiro até galiña e galo de Mos, pasando por porcos celtas, e tamén tivo ocasión de percorrer os múltiples postos que a organización dispón para facer as filloas.

"Temos que por en valor o traballo colectivo e o traballo das mulleres que fan este rico manxar da nosa gastronomía", dixo. Esta festa “enxalza un dos nosos produtos máis auténticos e serve para que se vexa o potencial do noso rural, que se conserven as nosas costumes e tradicións. Ademais entre todas temos que por en valor o noso patrimonio gastronómico” afirmou Montse Valcárcel.

⚙ Configurar cookies
0.17875003814697