Muimenta volve celebrar ao grande a Festa da Filloa este domingo
A Festa da Filloa de Muimenta volverá celebrarse presencialmente o vindeiro domingo no recinto feiral Manuel Vila da localidade. A Delegación Territorial da Xunta acolleu a presentación da 31ª edición desta cita, que conta coa declaración de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2008.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou no acto acompañado do alcalde de Cospeito, Armando Castosa; o presidente e o xerente da comisión organizadora, Pepe Darriba e José Manuel Rus, respectivamente; e outros representantes das entidades implicadas.
Arias salientou que a Xunta colabora para impulsar esta festa gastronómica, “que exalta un dos nosos produtos máis auténticos e singulares” ao tempo que “serve para convidar ás novas xeracións a continuar con esta tradición”.
A partir das nove e media da mañá entrarán no recinto as filloeiras e filloeiros, que xunto cos membros da organización traballan de forma voluntaria durante a xornada. En total haberá 142 colaboradores, dos que 55 son filloeiros. Noutras edicións chegáronse a despachar entre 17.000 e 18.000 filloas, empregando 500 quilogramos de fariña e máis de 70 ducias de ovos.
O recinto feiral abrirá ás oito da mañá e ao longo do día acollerá expositores de artesanía e de produtos galegos de calidade; música e baile e a entrega de premios do XXII Concurso de Relato e Debuxo Filloa 2022. A directiva de Xotramu abrirá pola tarde o Museo da Zoca e a Escola Vella para todas aquelas persoas que desexen visitalos. O pregón correrá a cargo do sociólogo e escritor Alberto Sotillos Villalobos.
OS DETALLES
- Conta cun orzamento de 30.000 euros
- Haberá unha exposición de artesanía e produtos de calidade.
- A inauguración correrá ao cargo do delegado provincial da Xunta de Galicia, Javier Arias Fouz.
- Haberá música en directo a cargo da Escola de música da Pastoriza (ás 12.15 horas), dos alumnos de pandeireta de Muimenta ás 13.15, e o Dúo Época estará pola tarde.
- A ración de media ducia de filloas terá un prezo de 4 euros e a ración de churrasco, chourizo, pan, viño, auga, queimada e café será de 12 euros.
- Poñeranse á venda entre 17.000 e 18.000 filloas ao longo da xornada.
- Panadería Hermo doou uns 500 quilos de fariña para o amoado das filloas e Aceites Abril colabora con 45 botellas de aceita e agasallos para os premiados. O café corre ao cargo de Cafés Candelas.
- O público asistente poderá facer unhas pranchadas de filloas
- Haberá degustación de filloas con nocilla, nata ou mel.
O programa inclúe o intercambio coas Filloa de A Baña.Un total de seis pedras estarán coas filloeiras e filloeiros de Muimenta, este domingo. De feito, representantes da Filloa de Muimenta acudiron tanto no ano 2020 (antes da declaración do estado de alarma), como o pasado 26/03/2022 a esta localidade de A Coruña para promocionar as filloas de Muimenta na festa desta localidade.
José Manuel Sotillos: "Apoiar estas festas ao final é apoiar aos veciños".
O pregoeiro desta edición será Alberto Sotillos Villalbos, que colle o relevo de si mesmo, xa que ía ser o pregoeiro da edición que se suspendeu no ano 2020 polo estado de alarma. Sotillos mantivo o seu compromiso coa Festa de Interese Turístico de Galicia e comprometeuse con ir a Muimenta cando puidera celebrarse en condicións normais.
Alberto Sotillos Villalobos é un político, sociólogo, consultor e especialista en comunicación política fillo do xornalista e expolítico Eduardo Sotillos (portavoz do goberno con Felipe González). Militante do PSM, Alberto Sotillos foi responsable de redes sociais da campaña a primarias do secretario xeral Tomás Gómez. Pertence ao corrente Socialismo Democrático, moi activa nas redes sociais.
Que nos vai presentar cando abra a festa da filloa?
O que máis quero é poñer en valor o que a propia festa trasmite, traer ao presente un evento que é parte da identidade, carácter e historia dos veciños de Muimenta. E como ese momento traído a hoxe ten unha especial relevancia polo que significa no momento no que estamos, un espazo de encontro e de estar en común.
Que lle une a Muimenta?
Teño un bo amigo, que é José Manuel Rus, que coordina a festa da filloa. Presentei unha das miñas novelas alí, tiven a sorte de que el a presentara conmigo e tras presentala pediume o favor de si quereía e me gustaría e quedei absolutamente encantado xa que sería unha honra. E dende aquela ata aquí, pasaron anos pola pandemia pero o comprosimo segue a ser o mesmo.
Considera que este tipo de festividades deben seguir respaldándose?
Non só deben respaldarse senón tamén apoiarse a axudar a que se amplíen. Primeiro porque teñen unha parte esencial, que é a propia participación dos veciños, non é unha cuestión institucional, sinon que é a forza do traballo en común, poñer en valor unha tradición que é o que nos acaba definindo a todos como sociedade e como pobo. Apoiar estas festas ao final é apoiar aos veciños. Que son os momentos que tanto necesitamos agora, momentos de alegría, de vernos e de festexar a vida.
Cal é o seu desexo para esta celebración?
Que non se volva interromper, que cada ano haxa máis festa da filloa e que poidamos ir. E para este ano en concreto, evidentemente e polo meu propio interese, que saian as mellores filloas da historia.