Mulleres de Insua presentan o programa da Tasca do Liño, que se celebra o 26 de outubro
Un ano máis, a Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomé de Insua volverá celebrar a súa tradición Tasca do Liño, xornada de recreación histórica que se celebra na localidade vilalbesa de Insua.
O colectivo xa está preparando a que será a XVI edición, que ten como data escollida o 26 de outubro.
O programa previsto xa foi presentado seguindo a liña de anos anteriores, con demostración da tasca do liño ás 12.00 e ás 17.30 horas.
A feira abrirá ás 11.00 horas e, un cuarto de hora despois, Marisa Barreiro, a directora do Iescha, será a encargada de ler o pregón inaugural.
Antas do xantar tamén están previstas demostracións de oficios tradicionais e proxectos rurais, a cargo de Álvaro Pin e Tony e Lauren New Horizons Alpacas.
Pola tarde haberá dúas actuacións, Mestura de Nete a partir das 16.30 horas e Festicultores ás 18.30. Completarase a sesión cunha degustación do Cacho ás 18.00 horas e un espectáculo de Queimada co Meigo do Lume como peche do día.
Durante a xornada haberá obradoiro de gyotaku e coiro, unha exposición de cestaría do Centrad, degustacións de filloas de Muimenta e postos de artesáns e artesanía en vivo.
Tamén está aberto o prazo para inscribirse no xantar que se celebrará na Tasca e contará no menú con callos con garavanzos, codillo, pan, viño tinto e branco, auga e refrescos, ademais de sobremesa, café e licor. O prezo é de 24 euros por persoa.
Para inscribirse hai que anotarse no teléfono 696 618 454.
Nesta festa colaboran a Deputación, Concello e Fundación Artesanía de Galicia, entre outros.