Muras abre o prazo de axudas para sufragar facturas eléctricas de fogares e pemes

TerraChaXa
O período de solicitude estará aberto durante todo o mes de abril e contempla achegas de ata 800 e 1.700 euros segundo o tipo de beneficiario
concello-de-muras
1 Apr 2026

O Concello de Muras abriu este 1 de abril o prazo para que veciños e pequenas e medianas empresas poidan solicitar axudas destinadas a sufragar o pagamento das facturas eléctricas correspondentes ao ano anterior.

A convocatoria, que se manterá activa durante todo o mes de abril, contempla dúas liñas diferenciadas que incrementan a súa contía respecto a edicións anteriores. Por unha banda, establécese unha axuda para consumo doméstico cun máximo de 800 euros, mentres que no caso das pemes o límite ascende ata os 1.700 euros.

As persoas interesadas poderán presentar a documentación tanto no rexistro do Concello como a través da sede electrónica municipal. Entre os requisitos figuran a solicitude formal segundo o modelo publicado no Boletín Oficial da Provincia da Deputación de Lugo, acompañada do DNI da persoa solicitante.

Tamén será necesario achegar as facturas de consumo eléctrico correspondentes ao ano 2025, un certificado da conta bancaria onde se ingresará a axuda e unha copia da declaración do IRPF do exercicio 2024. Ademais, deberán incluírse os certificados de salarios, pensións ou subsidios procedentes do estranxeiro, no caso de existiren.

Por último, esíxese acreditar que se está ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria e coa Atriga, así como coa Seguridade Social e co propio Concello de Muras.

0.11400604248047