Muras abre o prazo para solicitar a redución do IBI ás granxas
O Sindicato Labrego Galego vén de publicar un aviso no que advirte que o Concello de Muras vén de abrir o prazo de solicitude para pedir a redución do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ás granxas. Isto acontece despois de que, a finais de 2016, o pleno aprobase inicialmente a ordenanza que o permite. Dado que a aplicación da redución do IBI comezaría a ser efectiva dende o 1 de xaneiro de 2018, as persoas que queiran solicitar esta bonificación terán que facelo nos dous días hábiles que lle quedan ao ano 2017: 28 e 29 de decembro.
Malia valorar positivamente esta medida, solicitada polo Sindicato Labrego Galego, esta agrupación considera "un despropósito" que se publique no BOP do 26 de decembro, sen ningunha publicidade nin aviso institucional para promover a medida, e con tan só tres días de prazo para realizar todos os trámites necesarios.
Polo demais, dende o SLG lembra que, despois de ter rematado o procedemento de regularización catastral en practicamente todos os concellos, na maioría non se teñen aprobado bonificacións para construccións agrarias. Por este motivo, dende o SLG fan un novo chamamento a todos os concellos da Terra Chá para que "sexan sensibles coa situación económica de moitas familias labregas do rural, e adopten medidas que diminúan a carga impositiva das nosas granxas".