Muras abrirá un novo prazo para solicitar as axudas da luz, que este ano aumentan a contía

O Concello de Muras volve convocar as axudas da luz ao consumo doméstico, unha iniciativa pioneira tanto en Galicia como no resto do Estado, coa que busca compensar á veciñanza polo impacto da instalación de aeroxeradores e garantir o acceso á enerxía en condicións dignas.
Este ano as axudas recibirán un novo aumento, logo do acordo ao que chegou o Concello con Iberdrola. O pacto permitirá aumentar tanto a contía que perciben os veciños e veciñas e consolidar un modelo pioneiro de retorno social da produción eólica no territorio como os ingresos municipais.
Así o 1 de abril abrirase o prazo para solicitar as axudas, durante todo o mes presentando a solicitude de axuda, o DNI, facturas do 2025, certificado de conta bancaria e a declaración do IRPF entre o outros documentos.
"Máis do 90% da poboación solicita estas achegas, o que demostra a excelente acollida desta medida social", asegurou o alcalde, Manuel Requeijo.
As axudas, enmarcadas dentro da Liña 1 do programa municipal, teñen como obxectivo sufragar total ou parcialmente o custe do consumo eléctrico habitual nos fogares, e este ano inclúen un incremento notable: poderanse recibir ata 800 euros por unidade familiar, segundo o tramo de renda, debido ao aumento do importe.
Na Liña 2 de axudas para empresas de pequeno e meidano tamaño o tope da axuda está no 1.700 euros.
Dende a súa posta en marcha en 2016, o Concello de Muras consolidou esta medida como un dos piares fundamentais da súa marca de municipio, baseada no aproveitamento dos recursos naturais ao servizo do benestar da súa xente. O obxectivo a medio prazo é acadar o gasto cero na factura eléctrica para a maior parte da veciñanza.
As achegas benefician directamente á calidade de vida da poboación, contribuíndo tamén a fixar poboación no territorio e a combater a pobreza enerxética.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude de forma presencial no rexistro do Concello de Muras, de luns a venres en horario de 08:00 a 12:00 h, ou a través da sede electrónica municipal. As bases completas publicaranse nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
En virtude do convenio, Iberdrola achegará 125.000 euros fixos ao ano ao Concello de Muras para financiar as axudas á electricidade, unha cantidade que se actualizará conforme ao IPC. A maiores, o goberno local percibirá o 2,5 % do valor da produción eléctrica do parque eólico que será repotenciado, unha achega variable que se calculará anualmente e que non superará os 200.000 euros, ata un total de 14 millóns de euros na vida útil do parque.