Muras acolle dous cursos dun programa formativo sobre apicultura
A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo continúa a desenvolver o programa de formación en apicultura, destinado a ampliar e actualizar os coñecementos de apicultores e apicultoras e espertar o interese pola apicultura entre as persoas máis novas, promovendo a súa iniciación na actividade.
Trátase dunha iniciativa que inclúe cursos nos concellos de Vilalba, O Valadouro, Xove, Pantón, Muras, Mondoñedo e Cervo nos meses de xuño, xullo agosto e setembro e que conta coa colaboración da Casa do Mel de Goente, que se encargará de impartir a formación.
O programa inclúe tres tipos de cursos: de iniciación á apicultura (4 días) no que se abordarán cuestións básicas sobre a bioloxía do enxame, a saúde dos abellas ou a colleita e comercialización de mel e outros produtos derivados; de selección e cría de raíñas de abella autóctona (6 días); e de manexo para evitar a morte por velutina das abellas autóctonas (2 días), no que se exporán métodos preventivos para protexer as colmeas desta especie invasora.
Os cursos teñen unha parte teórica e outra práctica, que se desenvolverá en colmeas de particulares. As persoas interesadas en asistir teñen que anotarse no enderezo electrónico casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661 003 616.
Muras
En Muras haberá dous cursos. POr unha banda realizarán un de iniciación á apicultura que terá lugar os días 20, 21, 27 e 28 de xullo, de 9.00 a 14.00 horas. Impartirase no Local Municipal de Carelle.
Ademais, realizarán outro de Cría de raíñas con abella autóctona. Este será os días 3, 4, 13, 15 e 16 de agosto, co mesmo horario e tamén no Local Municipal de Carelle.