Muras acolle este sábado unha xornada sobre enerxía
A área recreativa da Veiga, en Muras, acollerá este sábado, 10 de xullo, unhas xornadas sobre Enerxía que organiza o BNG.
A sesión dará comezo ás 10.30 horas coa apertura da sesión a cargo do alcalde da localidade, Manuel Requeixo, e de Noa Presas, membro da Executiva Nacional do BNG.
Á 11.00 terá lugar a primeira das ponencias, a cargo do Observatorio Eólico Galego, que leva por título Alternativas para mudar os problemas económicas, sociais e ambientais do modelo eólico actual.
Continuará a programación coa explicación do consultor enerxético Xose Manuel Golpe Acuña sobre Alternativas para a democratización da enerxía: as comunidades enerxéticas locais, perspectivas e experiencias.
A última das intervencións estará a cargo de Quico da Silva, do colectivo de debate Enerxético Bidán, que explicará como situar a Galicia á vangarda da innovación.
A xornada, para a que é necesaria inscrición previa, rematará cun xuntar.