Muras acolle este venres unha actividade de observación de estrelas

O Concello de Muras organiza a actividade Os incribles ceos de Muras 2025, unha xornada de observación astronómica que terá lugar na noite do 20 ao 21 de xuño, no lugar do Viveiró, na zona de autocaravanas do municipio. O evento, pensado para todos os públicos, inclúe acampada opcional e estará centrado na divulgación e goce dos ceos nocturnos, aproveitando a calidade do firmamento da zona.
A cita comezará ás 20:00 horas coa recepción de asistentes e a distribución do espazo de acampada. Ás 20:45 haberá unha charla introdutoria sobre telescopios e aparellos de observación. A partir das 21:30, cada participante poderá desfrutar dunha cea comunitaria, que deberán levar preparada da casa, tanto en alimentos como en bebidas.
A actividade continuará ás 22:30 cunha nova charla centrada na contemplación dos ceos, que dará paso, á medianoite, a unha sesión práctica de fotografía e observación astronómica con telescopios. O remate da actividade está previsto para as 00:30 horas, momento no que as persoas que non opten por acampar poderán marchar libremente.
A actividade está pensada especialmente para nenos e nenas acompañados de persoas adultas, que deberán responsabilizarse deles durante toda a sesión. A participación é totalmente gratuíta e as inscricións deben realizarse a través do correo electrónico turismo@muras.gal.
Esta proposta, organizada polo Concello de Muras e a área de Turismo local, conta coa colaboración de entidades como o Observatorio Astronómico de Forcarei e busca achegar a astronomía á cidadanía, nun ambiente familiar, seguro e rodeado de natureza. Un plan perfecto para despedir a primavera e darlle a benvida ao verán baixo a maxia do ceo estrelado.