Muras acolle o venres un obradoiro interxeracional de Nadal organizado por Afalu

O Concello de Muras repetirá este ano o Obradoiro Interxeracional de Nadal, en colaboración con Afalu Alzheimer. A actividade terá lugar este venres, 19 de decembro, ás 17:00 horas, na Casa do Médico.
Durante o obradoiro, os participantes poderán crear postais e adornos de Nadal para levar ás súas casas ou para agasallar. A iniciativa busca fomentar a convivencia entre xeracións, promovendo a creatividade e o espírito festivo.
A actividade está aberta a toda a veciñanza, con idades comprendidas entre cero e 150 anos, segundo destacaron con humor os organizadores.
O Concello anima a toda a poboación a inscribirse e participar nunha xornada que combina diversión, aprendizaxe e o espírito comunitario propio destas datas.