Muras acolle unha charla sobre as carrachas dentro dun proxecto de Xuvenciencia
Muras acolle este luns, 9 de outubor, ás 12:00 unha charla e obradoiro sobre enfermidades transmitidas polas carrachas -como a enfermidade de Lyme- cun médico internista do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Na cita, que será na Casa do Médico, falarase de cómo previlas e das patoloxías causadas por un ácaro cada vez máis habitual na provincia de Lugo. Tamén de cando e onde son máis habituais, o protocolo para sacalas e de como actuar unha vez que hai picada.
Esta charla forma parte do proxecto Ciencia á Feira, impulsado polo grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC e que vén de ser seleccionado para o seu financiamento pola FECYT na última convocatoria de axudas ao fomento da cultura científica. Nel, aproveitará os mercados tradicionais e os centros educativos de oito municipios da provincia de Lugo (Burela, Muras, Mondoñedo, Friol, Navia de Suarna, O Incio, A Proba do Brollón e Sober) para abordar con adultos e escolares contidos ligados coa prevención das doenzas transmitidas por carrachas, a xestión sustentable da auga e os microenxertos e micorrizas, a través da celebración de obradoiros e charlas divulgativas.