Muras acolle unha exposición de serigrafía galega en homenaxe aos irmáns Álvarez Blázquez

TerraChaXa
Na exposición poderá verse obra de artistas como Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Virxilio Prego, Xosé Luis de Dios, os irmáns Quesada, Mercedes Ruibal, María Antonia Dans, Vidal Souto ou Maside
exposicion-muras-serigrafia
17 Jul 2025

O Legado Activo Beiras Cal (LABC) inaugura este sábado, 19 de xullo, en Muras, a exposición Vigo-Muras Serigrafía Galega 1971, un tributo aos irmáns Álvarez Blázquez que achega ao público 41 serigrafías saídas dos talleres da Serigrafía Galega (Sega), fundada en Vigo por Álvaro Álvarez Blázquez, e expostas por primeira vez en Galicia en 1971.

A mostra poderá visitarse en As Águias, en O Mesón, a partir das 12.00 horas no acto inaugural, e permanecerá aberta ata o 19 de outubro, de venres a domingo en horario de 10.00 a 20.00 horas, sendo preciso concertar visita noutros horarios no teléfono 630 94 12 70.

A exposición ofrece unha oportunidade única para achegarse ao traballo de 19 artistas plásticos contemporáneos de gran relevancia, que utilizaron a técnica da serigrafía como ferramenta de democratización da arte. Desde o LABC destacan que se trata dunha "experiencia precursora na democratización da arte", que permite ao público coñecer a riqueza cultural e creativa daqueles anos.

Ademais das obras pictóricas, incluirase unha selección de libros do valioso fondo editorial dos irmáns Álvarez Blázquez, amosando material dun legado familiar marcado polo amor a Galicia e á cultura do país. Entre as obras expostas haberá exemplares das edicións Monterrey e Castrelos.

Na exposición poderá verse obra de artistas como Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Virxilio Prego, Xosé Luis de Dios, os irmáns Quesada, Mercedes Ruibal, María Antonia Dans, Vidal Souto ou Maside, entre outros, configurando un percorrido pola creación galega contemporánea a través da serigrafía.

⚙ Configurar cookies
0.13309812545776