Muras acollerá a final de mes o seu primeiro descenso de carrilanas

TerraChaXa
Muras acollerá o día 29 de abril, sábado, a primeira edición do descenso de carrilanas, que será tamén a primeira proba galega.
1 pontenova carrilana2
12 Abr 2023

A localidade de Muras acollerá o día 29 de abril, sábado, a primeira edición do descenso de carrilanas, que será tamén a primeira proba galega e a segunda do calendario actual.

A competición prevista para Muras será puntuable para a Copa Galicia e o prazo de inscrición para a mesma xa está aberto, con data límite o 26 de abril.

A proba está organizada tamén pola Asociación Carrilanas os Meiregos e baixo a normativa da Federación Española de Deportes de Inercia, polo que só poderán participar aquelas persoas que teñan en vigor a licenza federativa.

Os menores de idade deberán presentar coma sempre a autorización correspondente para facer a inscrición, que pode xestionarse a través da web da federación ou no correo asociacionosmeiregos@gmail.com.

A proba muresa dará comezo ás 16.00 horas desde o alto das Louseiras ata a propia vila de Muras, cun percorrido de aproximadamente tres quilómetros. Os remontes iniciaranse ás 15.30 horas.

Haberá a disposición dos participantes vinte categorías, para que escollan por tipo de vehículo e idade dos participantes.

O calendario provisional da Federación establece 17 probas, das que cinco son na provincia de Lugo. A primeira xa se celebrou o día 1 de abril en Llanes, Asturias e continuarán o 29 en Muras.

Tras pasar por Portugal e Bélxica no mes de maio, retomaranse as competicións en xuño con tres citas, a última o 17 en Meira. En xullo concentraranse seis probas, que abrirá a de Ribas de Sil o día 8. Non faltará este ano a de Abadín, os días 15 e 16 e, ao fin de semana seguinte, a da Pontenova. Pecharase deste xeito, mentres non se confirmen máis datas, a participación luguesa, mentres as probas continuaránpor Italia, Ourense, A Coruña e Lugo.

0.048525094985962