Muras anima á veciñanza a redescubrir a figura de Castelao no 75 aniversario da súa morte
O Concello de Muras, a través dun emotivo bando asinado polo seu alcalde, Manuel Requeijo Arnejo, convida á cidadanía a achegarse á figura de Castelao e ao legado cultural, político e artístico que deixou para Galicia. A declaración rememora "a etapa máis luminosa da historia galega nos anos 30, cando a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia o 28 de xuño de 1936 marcou un fito histórico para a identidade do país".
O texto destaca como a xeración de galeguistas, liderada por Castelao, estivo a piques de transformar Galicia "nun país próspero, orgulloso da súa lingua e cultura, comprometido coa xustiza social e cunha posición relevante no mundo". Porén, o levantamento fascista de 1936 truncou ese soño colectivo, "provocando unha vaga de represión, barbarie e sangue que privou a Galicia dun primeiro goberno galego presidido por unha figura do calibre humano, político e intelectual de Castelao".
O alcalde recorda como Castelao, no exilio, mantivo a súa firmeza ideolóxica e seguiu guiando o nacionalismo galego, primeiro como parlamentario e ministro do Goberno republicano no exilio e, máis tarde, como presidente do Consello de Galicia. Desde o exilio en Bos Aires, Castelao publicou en 1944 Sempre en Galiza, obra fundamental do pensamento político galeguista, onde reafirmou os dereitos de Galicia como nación. "Reler agora ese libro é unha das mellores homenaxes que lle podemos tributar", subliña o bando.
Ademais, Requeijo denuncia a apropiación indebida da figura de Castelao por parte de sectores que no pasado renegaron del, recordando os versos de Celso Emilio Ferreiro:
"Olla, meu irmáu honrado, / o que acontez con Daniel: / os que o tiñan desterrado / agora falan ben del."
O Concello de Muras fai un chamamento para que a veciñanza aproveite o 75 aniversario do pasamento de Castelao como unha oportunidade para coñecer ou redescubrir a súa obra artística, literaria e política. Especialmente, recomenda a lectura de Sempre en Galiza, unha obra que "abre o corazón á nosa terra e nos dá forza para combater calquera intento de manipulación ou desvirtuación da súa figura".