Muras aproba un orzamento de 1,8 millóns de euros
O Goberno de Muras aprobou no seu último Pleno do ano o orzamento que rexirá durante o próximo exercizo e que ascende a 1.850.205 euros, así como a adxudicación do servizo de limpeza por valor de 58.206,5 euros ao ano durante tres anos, prorrogable a a outros dous.
O orzamento de Muras foi avalado cos votos a favor do BNG e do PSOE e a abstención do PP. Seguindo a liña de anos anteriores, o eixe principal dos cartos vai dirixido aos gastos sociais mentres que para os gastos de persoal e municipais ocupan o 25% do fondo.
Os servizos sociais levan unha partida de 350.000 euros para cubrir o Servizo de Axuda non Fogar, tanto de libre concorrencia como de dependencia, entre outras actuacións.
Dentro deste apartado o Concello anunciou a posible compra dun inmoble que poida usarse como vivenda comunitaria, xa que as actuais dependencias, a Casa Rouco, non cumpren as condicións de accesibilidade que se lle esixen a este tipo de instalacións.
Novamente, os orzamentos contan cun apartado destinado a abonar o recibo da luz a través das consabidas axudas, dotadas en 2022 cun total de 85.000 euros.
O Concello de Muras destinará tamén 11.000 euros a investimentos reais para o mantemento de infraestruturas,
aínda que o Concello dispoñerá de achegas como o Plan Único da Deputación ou o Fondo de Compensación
Ambiental da Xunta para sacar adiante os proxectos.
Os orzamentos reservan tamén un espazo para as tres grandes citas do municipio — Romaxe Artesá, Feira do Poldro e do Gando do Monte e Feira do Mel de Montaña— aos que destinan 61.000 euros, ademais de 31.000 máis para as patronais, e 15.000 para actividades culturais.
Ademais do funcionamento do servizo de limpeza e o punto limpo, que requiren dun desembolso de 110.000
euros, tamén se reservan 20.000 euros para establecer unha nova liña de axudas de prevención e/ou compensación ante os ataques do lobo.
O alcalde, Manuel Requeijo, precisou que aínda están a definir como se concederán, pero desde o equipo de goberno venas necesarias ante "a falta de actuacións da Xunta".
Tamén foi aprobado no Pleno, malia a abstención do PP, a adxudicación do servizo de limpeza dos edificios municipais, que ten un orzamento total de 300.000 euros, 58.206,5 euros por ano ata un total de 3 prorrogables a outros dous.
Esta firma encargarase da limpeza da casa consitorial, o centro de saúde, o local social, a Casa do Médico, a Casa Rouco, os vestiarios da Veiga, o CEIP Antía cale. o PAI, así como a aldea de Carelle as escolas unitarias.
No apartado de mocións tamén se validou a necesidade de manter os servizos bancarios e o centro de saúde en Muras.